Thursday 28 de March de 2024

Yoya Neira: “A nosa prioridade é destinar fondos e executalos cara as persoas máis vulnerables”


A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, destacou esta mañá na Cociña Económica que o plan de rescate municipal “Coruña Solidaria” supón un investimento de case tres millóns de euros en emerxencias sociais

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, desprazouse hoxe até a Cociña Económica nunha visita en que destacou que o plan de rescate deseñado polo Concello “Coruña Solidaria” supón un investimento de preto de tres millóns de euros destinados á veciñanza máis vulnerable. A edila engadiu que se aboaron “739 axudas de Emerxencia Social Municipal, un 295% máis que no mesmo período de 2019, en que se xestionaron 187 solicitudes desta índole”.

A edila sinalou que, canto ao notable aumento nas solicitudes de axuda de emerxencia social, “desde a Concellería de Benestar Social damos resposta inmediata a todas as demandas que nos chegan para que ninguen na Coruña quede atrás. A nosa prioridade é destinar fondos e executalos cara as persoas máis vulnerables”.

Neira tamén destacou a axuda das entidades sociais da cidade, “como Padre Rubinos, Cruz Vermella ou a Cociña Económica, entre outras, que desenvolven un labor existencial impagable e que contribúen a manter dentro do sistema as persoas máis vulnerables”. Ademais, o Concello aumentou o orzamento para as axudas de emerxencia social a través das entidades sociais, Cruz Vermella e Padre Rubinos, en 300.000 euros.

Como resposta ás restricións á mobilidade en horario nocturno, o concello puxo en marcha un aloxamento municipal para 33 persoas que viven nas rúas da cidade. O obxectivo, aseguran desde Benestar Social, é ofrecer un lugar para durmir e de estancia diúrna, así como facilitar o aseo e a manutención para as ceas e almorzos.
Tamén se lles realizarán controis de saúde e reforzarase a atención individualizada para superar problemáticas e carencias existentes nas persoas que se aloxen neste espazo, incluído un servizo de busca de aloxamentos alternativos a posteriori.

Por outra banda, no mes de outubro a Concellería de Benestar Social ten 246 rendas sociais activas, 22 máis que no mesmo mes de 2019. Todo apunta a que este ano será o que maior número de concesións se deron na historia da Renda Social Municipal.

Canto ao programa de acompañamento de persoas maiores, dentro de Coruña Acompaña, o Goberno local reforzou o investimento en 250.000 euros que se destinaron a Cáritas, Cruz Vermella e Renacer. Os tres convenios están tramitados e teñen unha expectativa de execución do 100% nos próximos meses.